Conservación da biodiversidade asociada á paisaxe agraria atlántica


Encabezado.png

A Rede de Custodia Agraria da Reserva da Biosfera Terras do Miño botou a andar o xoves 29 de decembro de 2022 na Casa das Insuas.

Como entidade de custodia, a AGCT leva anos colaborando con agricultores e gandeiros na conservación dos valores naturais e na mellora ambiental das súas fincas, convencidos de que a produción agraria pode e debe ser compatible co mantemento dunha paisaxe biolóxicamente diversa e respectuosa cos seus valores patrimoniais e ecolóxicos.

No marco destas colaboracións creamos e restauramos charcas, muros de pedra, prados seminaturais ou refuxios para fauna, por exemplo, cos que se contribuíu a conservación de poboacións de insectos acuáticos, anfibios, aves ou morcegos, algunhas delas de especies ameazadas.

A este traballo pequeno que viñamos desenvolvendo por separado con cada gandeiro ou agricultor, quixemos  darlle un pulo e unha visión de conxunto e levalo a unha rede de custodia agraria no ámbito da reserva da biosfera Terras do Miño. Para iso, e grazas a financiación concedida pola Deputación de Lugo,  xuntámonos con produtores e produtoras cos que xa viñamos colaborando e outros novos que tamén apostan polo respecto e o coidado do territorio no que traballan e impulsamos esta rede.

Unha rede que busca:

1. favorecer o contacto, coñecemento mútuo, o intercambio de ideas e de preocupacións e a busca de solucións e recursos entre os produtores agroecolóxicos e a AGCT.

2. xerar un espazo de formacion e debate.

3. amosar a cidadanía que existen xeitos sostibles de produción e os seus resultados.

4. acadar unha visión de conxunto na contribución que estas iniciativas fan a conservación do patrimonio natural.

5. traballar conxuntamente no impulso de iniciativas e proxectos que favorezan a sostibilidade económica e ambiental destas granxas.

Somos, de momento, un puñado de xente, pero aspiramos a ser mais. Aspiramos a ser maioría, porque queremos unha sociedade capaz de producir alimentos de calidade co maior respecto polo entorno natural e pola paisaxe agraria no que se integra. 

Realizamos  encontros con produtores/as da rede, centrados no intercambio de experiencias agroecolóxicas, retos comúns e ferramentas para a conservación activa da biodiversidade nas granxas.

Así mesmo, levamos a cabo unha diagnose das fincas de cada granxa, cada un deles acompañado dun plan de acción específico para a conservación da biodiversidade agraria en cada caso.

Neste momento integran a Rede de Custodia Agraria, xunto coa AGCT:

– Casa Bértolo

– Casa Codesal

– Traloagro

– Beealia

– Casa Caloto

– M.V.M.C de Carballo

– Veiga de Luaces

Somos coñecedores dos retos ambientais aos que nos enfrontamos como sociedade e eliximos ser parte da solución. Non queremos voltar ao pasado. Pola contra, queremos ser a vangarda dun rural con futuro, no que vivir e producir alimentos, e que tamén siga a ser o nexo de unión entre as persoas e unha natureza viva e diversa.

Casa das insuas

Faite Socio

Contacto:

✉ custodiadoterritorio@gmail.com