
Durante o ano 2017 desenvolvimos o proxecto «Mantemento e recuperación da biodiversidade asociada á paisaxe agraria atlántica«, financiado pola Fundación Biodiversidad e cofinanciado pola Deputación de Lugo.
Os obxectivos deste proxecto foron:
– Recuperar prados abandonados de alto valor ecolóxico
– Manter e recuperar elementos tradicionais da paisaxe agraria que axudan á conservación da biodiversidade
– Crear novos elementos que axuden a recuperar e manter a biodiversidade asociada a paisaxes agrarias atlánticas
– Xerar materiais e espazos de debate sobre a conservación da biodiversidade asociada a paisaxes agrarias atlánticas
Unha parte das accións realizáronse nas insuas do Miño e o seu entorno, no corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e outra parte en terreos dos socios da cooperativa gandeira Beealia, no concello de Pol.
Entre os resultados conseguidos no traballo de campo destacan:
– A restauración estructural de case vinte hectáreas de prados abandoados
– O enriquecemento de case dúas hectáreas con semente procedente de prados doantes ben conservados do entorno
– A restauración de 1.516 metros de sebes vexetais tradicionais
– A restauración de dous humidais
– A restauración de máis de 700 metros de muros de pedra tradicionais
– A creación de dúas novas charcas
– A instalación de máis de 80 refuxios para aves e morcegos
Ademáis disto, realizáronse as primeiras xornadas en Galicia sobre a conservación de prados seminaturais e elaborouse un manual de conservación (preme para descargar) deste tipo de hábitats tan ameazados pola transformación e o abandono.
