Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes ao Cambio Climático

A AGCT participa xunto coa Fundación Juana de Vega, Montescola, CETEMAS e a Fundación CEER, no proxecto CAPRIF-CC (Comunidades Activas y Paisajes Resilientes a Incendios Forestales y Cambio Climático). As nosas accións centráronse no territorio Ancares-Courel, así como en Negueira de Muñiz. Este proxecto, financiado pola Unión Europea dentro dos plans Next Generation, esténdese ate decembro do ano 2025.

GOBERNANZA

Unha das accións clave neste proxecto é traballar para a gobernanza e legalización dos montes de varas de alto valor natural de Piornedo (Cervantes) e Paderne (Courel).

Ao longo do ano 2024 tivemos distintas reunións cos veciños e veciñas propietarias destes montes para traballar nesa legalización.

PIORNEDO (ANCARES)

 As distintas actuacións desenvolvidas no monte de Piornedo dentro do CAPRIF repercutirán na restauración e mantemento de hábitats de especial interese de conservación. Estas actuacións contribuirán á mellora da calidade destes hábitats para especies ameazadas de flora, como Narcissus pseudonarcissus ou de fauna, como a lebre do piornal (Lepus castroviejoi) ou a charrela (Perdix perdix). 

Tamén fixemos traballos de recuperación de hábitats herbáceos (campas) e favorecemos a creación de zonas abertas. Melloramos así os hábitats  doutras especies de aves e réptiles que están en regresión polo abandono da actividade agrogandeira tradicional.

HÓRREOS (COUREL)

Nesta acción fixemos rozas e cortas de piñeiros ventureiros para favorecer a conservación da comunidade de orquídeas e outras especies de flora ameazada da microrreserva, prexudicadas nos derradeiros anos polo medre da matogueira debido ó abandono das actividades agrícolas e gandeiras tradicionais.

Ademais, eliminamos piñeiros ventureiros, que naceran asociados a unha plantación veciña de Pinus sylvestris e que modificaban as condiciones do solo, de insolación e drenaxe.

Esta acción continúa durante o 2025, co estudo da evolución da floración das orquídeas logo dos traballos realizados, e rematará coa queima, en outono, da materia orgánica resultante das rozas e talas.

PADERNE (COUREL)

A acción desenvolvida para o mantemento deste souto repercutirá na mellora do hábitat, pero tamén na recuperación, por parte de veciños e visitantes, das actividades culturais seculares asociadas a estes espazos. 

A zona obxecto da actuación é unha masa de castiñeiros xa naturalizada, polo que o noso obxectivo  foi o de manter unha masa con gran diversidade estrutural e cunha produción basal de froito que poida manterse no tempo con mínima intervención.

 Agardamos que a actuación favoreza tamén á diversidade micolóxica neste souto.