ACORDOS DE CUSTODIA DO TERRITORIO

A través da custodia do territorio, a AGCT establece acordos voluntarios con persoas propietarias, comunidades locais e outras entidades para conservar e mellorar espazos de alto valor ecolóxico e cultural. No seguinte mapa podes explorar os diferentes puntos de Galicia onde a ACGT ten acordos de custodia, que abranguen desde microrreservas de flora ata espazos agrarios e forestais xestionados de forma sostible.

Que é a Asociación Galega de Custodia do Territorio?

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa pola conservación da natureza e a biodiversidade en Galicia, a través da custodia do territorio: unha ferramenta de participación activa que implica a propietarios, comunidades locais e administracións na defensa e coidado do patrimonio natural.

Dende o ano 2008 desenvolvemos proxectos de conservación e restauración en colaboración coas persoas que viven e traballan no medio rural, fomentando unha xestión sostible da terra, a recuperación de hábitats e a posta en valor da paisaxe, do solo e da cultura do territorio.

A nosa sede atópase na Casa das Insuas, en Rábade (Lugo), un espazo de referencia para a educación ambiental, a investigación e a implicación cidadá na defensa do noso medio.