Información sobre a actividade
insuaCAMP2026 ofrece un espazo formativo para persoas interesadas en afondar en metodoloxías de estudo de diferentes grupos faunísticos, nun dos bosques aluviais máis extensos e mellor conservados da península Ibérica: o que cobre a conca alta do río Miño na Terra Chá, na Reserva da Biosfera Terras do Miño (Lugo). E especialmente nas insuas (illas) de Rábade, máis de 100 hectáreas de bosque e prados seminaturais propiedade da Deputación de Lugo, xestionadas pola AGCT e nas que Morcegos de Galicia conta cunha extensa rede de caixas refuxio para morcegos. Nesta zona, a AGCT e a deputación de Lugo contan cun convenio de colaboración para a xestión, difusión e conservación dos seus valores naturais.
A inscrición inclúe o xantar e a cea (que adaptaremos en función de opcións, alerxias e intolerancias). NON inclúe o aloxamento/almorzo, aínda que axudaremos ás persoas participantes a xestionalos do xeito máis cómodo e eficiente posible. Os traballos de campo comezarán ás 10:30 e rematarán tras a mostraxe nocturna de morcegos.
Como todos os anos, o traballo de campo centrarase no estudo dos quirópteros forestais e dos odonatos e incluirá tamén mostraxes de bolboretas nocturnas.
Cando?
Do 3 ao 8 de agosto de 2026. Comezará o luns 3 ás 16:00 e rematará o sábado 8 cara ás 12:00.
Onde?
Insuas do Miño e arredores, coa Casa das Insuas como base de operacións.
Roberto Hermida, Zeltia López e Paulo Barros coordinarán un equipo de Morcegos de Galicia que dirixirá o traballo con quirópteros, que incluirá:
-
Mostraxes con redes de néboa e trampas arpa para captura de exemplares e procesamento en man.
-
Revisión de caixas refuxio, marcaxe individual con transpondedores e seguimento dos exemplares marcados.
Morcegos de Galicia conta cunha rede de máis de 100 caixas refuxio instalada en 2008 nas insuas do río Miño, utilizada por seis especies de morcegos. E na contorna viven moitas máis que poderemos observar durante as mostraxes nocturnas.
Martiño Cabana e Anxos Romeo, especialistas en odonatos e bolboretas nocturnas, coordinan os traballos con estes grupos zoolóxicos, e consistirán en:
-
Realización de inventarios de odonatos baseados na observación de exemplares adultos.
-
Recollida de exuvias, identificación e elaboración dunha colección de referencia.
-
Mostraxes de bolboretas nocturnas con trampas de luz.
Organizaranse grupos de traballo rotativos, de xeito que todas as persoas participantes teñan ocasión de coñecer e practicar as diferentes metodoloxías.
insuaCAMP2026 ofrece 12 prazas para persoas interesadas en afondar no estudo destes grupos, compartir experiencias e coñecementos con outras persoas, nun ambiente distendido, cun forte ritmo de traballo, nun espazo natural privilexiado.
insuaCAMP2026 é unha actividade financiada pola Deputación de Lugo e organizada pola AGCT coa colaboración de Morcegos de Galicia, entidade que conta co apoio de Conservas Antonio Pérez Lafuente. Gracias a isto, o custe de inscripción é de tan só 85 euros.
A base de operacións será a Casa das Insuas, unha ampla casa situada na zona de traballo na que se dispón de espazos de traballo, rede WIFI, biblioteca, etc.
Inscrición
A inscrición ten un custo de 85 euros. O prazo para inscribirse rematará o 1 de xullo de 2026, pero as prazas voan, non te despistes!
Para inscribirte SEGUE ESTA LIGAZÓN. (https://www.morcegosdegalicia.org/curso.php?idioma=gl&curso=15)