A custodia no mundo
Os Estados Unidos
En 1890 un xoven paisaxista de Boston, Massachussets (EUA) chamado Charles Eliot funda The Trustees of Reservations, a primeira entidade de custodia do territorio da historia.
Primeiramente, tiña como obxectivo a protección de paisaxes especialmente belas ao redor da capital do estado. Para iso, convocou a un grupo de cidadáns distinguidos para a creación dunha fundación privada destinada á compra destes espazos singulares para a súa conservación. Actualmente, The Trustees of Reservations manexa un orzamento de 16 millóns de dólares, ten 40.000 membros e xestiona 99 reservas que soman un total de case 25.000 ha, todas no estado de Massachusetts.
Son unhas cifras respectábeis pero moi inferiores ás que ofrece a maior entidade de custodia do territorio do mundo, a tamén americana The Nature Conservancy. Fundada en 1915 esta enorme organización goza do apoio de máis de 1 millón de socios, protexe 47 millóns de hectáreas nos EUA e noutros 30 países e manexa un orzamento anual de 1.300 millóns de dólares. O máis característico desta organización é o seu enfoque pragmático que foxe dos enfrontamentos e procura solucións que favorezan ás partes. Esta actitude é a clave do éxito desta organización na hora de negociar cos gobernos, as empresas, comunidades propietarias, particulares e outras institucións sen ánimo de lucro.
Por último, nos EUA existe tamén unha infinidade de fundacións conservacionistas dedicadas á xestión de reservas naturais en réxime de propiedade ou mediante títulos de conservación. Existen máis de 1.600 destas fundacións ou Land Trusts ao longo dos EUA, a maior parte unidos na Land Trust Alliance.
A forza destas fundacións reside na lexislación fiscal americana que favorece un instrumento que eles coñecen como conservation easements e que consiste nunha cesión a perpetuidade dos dereitos de desenvolvemento da propiedade a favor da fundación. Os Land Trusts adoitan ter un ámbito local ou estatal, podendo estar especializados na protección do patrimonio histórico, na conservación dos bosques ou na protección e exploración de terras agrícolas.
O Reino Unido
A idea da custodia naceu en Inglaterra case ao mesmo tempo que nos EUA. O National Trust foi fundado en 1895 por tres filántropos victorianos: Miss Octavia Hill, Sir Robert Hunter e Canon Hardwicke Rawnsley que, como se pode ler no web da organización, “preocupados polo impacto de desenvolvemento incontrolado e a industrialización, crean a Fundación co fin de traballar para a nación na adquisición e protección da costa, da paisaxe e dos edificios en perigo.”
Froito do traballo de tantos anos é que, por exemplo, o National Trust é propietario de 1.125 km de costa (o que representa o 10% da costa do Reino Unido), de máis de 253.000 ha de campos, monte e bosques e que gozan do apoio e o financiamento de 3,5 millóns de socios!
Ademáis do National Trust, no Reino Unido traballan o Woodland Trust, especializado na protección dos bosques; o Wildfowl & Wetlands Trust centrado na conservación das zonas húmidas; a federación coñecida como Wildlife Trusts representada por unha fundación en cada condado do país; ben como asociacións conservacionistas como a Royal Society for Protection of Birds ou Plantlife que contan coas súas respectivas redes de reservas privadas.
