A custodia na Galiza

Na Galiza as iniciativas de custodia son, na súa maioría, recentes e de ámbito local.

Ridiomas é a entidade pioneira neste eido. Desde o ano 1988 esta asociación está comprando parcelas de bosque autóctono no Ribeiro. As compras son financiadas coas cotas dos seus socios contando hoxe con unhas 300 ha en propiedade. Por outra parte, distintas administracións foron mercando terreos con fins conservacionistas: a Xunta de Galicia nos Ancares, ou a Deputación de Lugo na bacía alta do Miño.

Sequeiro (Caurel)As iniciativas de custodia van agromando nos últimos anos en Galicia con obxectivos diversos: desde a conservación do patrimonio cultural e natural no entorno próximo mediante o traballo de voluntarios, como fai Vaipolorío en Pontevedra, ou o Proxecto Esmelle en Ferrol; a conservación de hábitat de aves ameazadas mediante o aluguer de parcelas agrícolas pola asociación lucense Numenius; a protección dos morcegos por Drosera; a protección dos recursos mariños na Reserva Mariña dos Miñarzos promovida pola Confraría de Pescadores de Lira; a conservación de unidades paisaxísticas no Alto Ulla iniciada pola Fundación Comarcal do Deza; ou proxectos ligados ao seguimento ambiental, como o Proxecto Ríos xestionado por ADEGA.

A Asociación Galega de Custodia do Territorio, constituída en 2008, únese a estas entidades pioneiras para impulsar a Custodia do Territorio na Galiza como ferramenta de conservación.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.