Que é a custodia do territorio

A custodia do territorio é un conxunto de estratexias e ferramentas que pretenden implicar á sociedade civil na conservación da natureza e a paisaxe.

Desde hai xa décadas a Administración é a responsábel da conservación dos valores naturais e paisaxísticos, principalmente mediante a declaración de espazos naturais protexidos. Pero cada vez somos mais conscientes de que esta tarefa non debe estar limitada aos recursos públicos nin aos limites dos parques naturais ou reservas. É necesaria a implicación da sociedade civil para complementar os recursos públicos, para abranguer todo o territorio mais aló dos espazos protexidos e para responsabilizar á sociedade na conservación do noso patrimonio natural.
Amencer_no_Xistral

Os actores principais da custodia do territorio son os propietarios dos terreos e as entidades de custodia. Estas entidades son organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro. Poden actuar como entidades de custodia todo tipo de organizacións: unha asociación conservacionista, unha asociación de veciños, unha fundación ou mesmo un concello.

As entidades de custodia procuran acordos cos propietarios interesados na conservación dos seus terreos. Estes acordos poden consistir desde un simple pacto verbal mediante o cal o propietario permite a realización de traballos de conservación na súa propiedade até o arrendamento ou mesmo a compra dos terreos por parte da entidade de custodia.

Os acordos de custodia implican normalmente un compromiso por parte do propietario de respectar e aplicar determinadas condicións de protección e xestión na súa finca. A cambio a entidade pode ofrecer asesoramento para unha correcta xestión, o apoio de voluntarios en tarefas de conservación e o recoñecemento ante a sociedade.

A publicación “Custodia del territorio en la práctica. Manual de introducción a una nueva estrategia participativa de conservación de la naturaleza y el paisaje” editado pola Xarxa de Custodia del Territori expón detalladamente as ferramentas e as recomendacións básicas para a aplicación da custodia do territorio. Podes descargar a publicación aquí. (pdf, 4784 kB).