Recuperación do bosque natural dos Ancares

No ano 2011 a AGCT asinou un convenio de colaboración coa Fundación Acciónatura para desenvolver de forma conxunta un proxecto de mellora do bosque autóctono na comarca dos Ancares, provincia de Lugo. Con este acordo a AGCT únese ao traballo que Acciónatura vén realizando dende o ano 2006 en prol dos bosques naturais ancaraos.

Acciónatura é unha ONG de ámbito estatal dedicada á recuperación e conservación da biodiversidade, na que aplica diversas ferramentas, entre outras, promove a creación dunha rede de espazos protexidos a través de acordos de custodia, aluguer ou compra de fincas.

O proxecto comeza no ano 2006 coa sinatura dun acordo entre Acciónatura e a Dirección Xeral de Montes, co cal, a primeira se compromete a realizar actividades de educación ambiental e traballos de mellora selvícola en montes comunais conveniados coa administración, en función da dispoñibilidade de recursos. A zona de traballo sitúase no Distrito Forestal VII: A Fonsagrada – Os Ancares, concretamente nos concellos das Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

Localización do proxecto

As actividades realizadas consistiron en tarefas de educación ambiental en centros de ensino da zona, coas que se pretendeu dar a coñecer a importancia da conservación dos bosques naturais maduros e concienciar da necesidade de coidar do territorio no seu conxunto. Outras actividades levadas a cabo durante estes anos consistiron en traballos propiamente selvícolas en reboleiras e bidueirais xóvenes, fundamentalmente clareos e podas. O obxectivo é mellorar a estrutura forestal, favorecer a rexeneración natural e consolidar as masas arboradas. Ao mesmo tempo conséguese a diminución do risco de incendios, debido a que se rompe a continuidade vertical da vexetación. Tamén se estableceron plantacións con especies autóctonas en pequenas parcelas co obxectivo de conectar distintas manchas de bosque e así aumentar a súa superficie.

Panorámica dunha das zonas do proxecto

Durante o ano 2011, xa coa colaboración da AGCT, deuse continuidade ao proxecto. Neste ano, fixéronse tratamentos de mellora forestal en 4,2 hectáreas de bosque de reboleira, plantacións en 2 ha de superficie, nas que se utilizou unha mestura de especies autóctonas, principalmente rebola (Quercus pyrenaica), bidueiro (Betula celtiberica), faia (Fagus sylvatica), e carballo (Quercus petraea). Ademais disto, realizouse unha reposición de marras nunha plantación feita no ano 2010.

Vista da reboleira na que se realizaron traballos selvícolas

Vista dunha zona de reposición de marras

Para máis información visitar as seguintes ligazóns:

  • Información no web de AccioNatura, entidade promotora do proxecto.

Máis información sobre os valores naturais dos Ancares:

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.