I Encontro Galego de Custodia do Territorio: Situación e Perspectivas

19 Outubro 2011 Deixar un comentario

A custodia do territorio é unha nova e crecente estratexia de conservación, nomeadamente do patrimonio natural, cultural e paisaxístico. A súa principal característica é a implicación da sociedade civil na xestión responsable do territorio ao ser esta desenvolvida por propietarios de terras e entidades de custodia (asociacións, concellos, etc.) mediante diferentes tipos de acordos.

Nos últimos anos, iniciáronse no noso país, diversas experiencias de conservación do medio empregando esta ferramenta.

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e a AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio) e co financiamento da Deputación da Coruña, organizan o primeiro Encontro Galego de Custodia do Territorio co obxectivo de analizar a situación en Galiza, as súas posibilidades de futuro e presentar á cidadanía esta estratexia de conservación.

Santiago de Compostela, 29 e 30 de outubro de 2011
Centro Social Novacaixagalicia, Praza de Cervantes

Inscrición gratuita no 981 570 099 antes do 26 de outubro

Categorías:Eventos

Flora mediterránea da Serra de Enciña de Lastra

7 Maio 2011 Deixar un comentario

O vindeiro 21 de maio do presente ano, as asociacións Saramaganta, Drosera, Numenius, G. N. Hábitat e a AGCT, dentro das actividades realizadas dentro do Centro de Conservación e Estudo da Natureza “Casa das Ínsuas”, organizan un novo Training Day para o disfrute e mellora do noso coñecemento sobre a flora mediterránea do Parque Natural de Enciña da Lastra. Para a realización desta actividade contaremos cos amplos coñecementos de Santiago Ortiz, do departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.

Realizaremos unha visita ás principais zonas do Parque Natural e os seus arredores prestando atención ás diferentes especies botánicas presentes na zona e disfrutando da paisaxe caliza desta área do mediterráneo galego.

Este Training Day realizarase o dia 21 de maio (sábado) e comezará as 10:30 no mirador de Vilar de Silva. Aquí podes ver un mapa de GoogleMaps onde se aprecia o lugar de quedada:

View Larger Map

Os Training Days son gratuítos pero non se cubre ningún gasto. É obrigatorio solicitar reserva de prazas debido a que hai prazas limitadas. Os interesados podedes enviarnos un correo co voso nome e un teléfono móbil (necesario por seguridade e para quedar no punto de encontro).

Os desprazamentos levaranse a cabo en vehículos propios. Como a orixe de cada persoa é dun lugar diferente de Galicia é imposible o aluguer dun autobús. Indicádeme o lugar de orixe, se dispoñedes de vehículo propio e se este ten prazas libres para agrupar ós participantes no menor número posible de coches. Recordade que debemos minimizar o gasto de combustibles fósiles e a emisión de CO2 á atmosfera.

Para a comida recomendamos levar bocata ou similar para non gastar moito tempo. Non pararemos en ningún lugar para facer compra polo que a comida debe traerse de casa. Non vos esquezades da bebida. Recordade que Enciña da Lastra está situada nunha zona mediterránea de moita calor polo que pode ser necesario moita cantidade de auga, gafas de sol e protección solar.

Para calquera dúbida, podedes poñervos en contacto con nós en calquera momento.

Contacto:
Martiño Cabana Otero
Tellado, 8 Romeán (Lugo)
27141 LUGO
630-948293
mcohyla@yahoo.es

Categorías:Uncategorized

Apertura da Casa das Ínsuas (I). Asemblea Xeral 2011

18 Abril 2011 Deixar un comentario

O pasado sábado, día 9, foi un día grande para a nosa asociación.

Pola mañán celebramos a asemblea xeral anual e pola tarde celebramos un acto de homenaxe a Félix Rodríguez de la Fuente que tamén nos serviu como actos de apertura do noso relucente Centro de Conservación e Estudo da Natureza “Casa das Ínsuas” .

O primeiro punto do orde do día tratado na Asemblea foi precisamente dar conta do convenio mediante o cal o Concello de Rábade nos cede o edificio do antigo concello vello para usármolo como sede da AGCT, centro de interpretación, lugar de traballo, auditorio e centro de documentación. Tamén se deu conta dos traballos realizados durante as semanas previas por socios e amigos para pór todo a punto, traballos dos que xa vos informamos en entradas anteriores deste blogue.

A Casa das Ínsuas vai ter varias funcións alén de servir de sede da nosa asociación. Ten xa un Centro de Documentación que reune fondos bibliográficos relacionados co estudo e conservación da natureza, depositados por diversas entidades e persoas a título individual. Estos fondos están ao dispor de calquer interesado nestes temas. O Centro de Documentación pode ser utilizado asemade, como sala de xuntas por aquelas entidades que o desexen.

A Casa dispón tamén dun Centro de Interpretación formado por tres salas que xuntan unha superficie de mais de 100 m2 dedicada á exposicións.   

Outro espazo da Casa é unha sala que servirá de viveiro de entidades naturalistas, que disporá de todos os requerimentos básicos de oficina: postos de traballo, ligazón a internet, impresora multifunción, cafeteira, etc. O uso compartido deste espazo con outras entidades pretendemos que favoreza o troco de ideas, as sinerxias e o traballo en rede.

Por último, a Casa ten un auditorio fantástico para celebrar reunións, asembleas, palestras e todo tipo de eventos.

Tendes máis información no web da Casa das Ínsuas

O segundo punto da orde do día foi informar do estado do proxecto de custodia da Carballeira de Sorretas, na península do Morrazo. Expúxeronse as dificultades que estamos tendo pera comprar parcelas ben como a estratexia para os próximos anos. Proximamente daremos información mais comprida deste proxecto.

O seguinte punto tratou das xestións ante a Consellaría de Medio Rural relativas ao proxecto de Lei de Mobilidade de Terras e o Banco de Terras de Galiza, que poden ser unhas poderosas ferramentas para o desenvolvemento da custodia do territorio no noso país.

O noso secretario deu conta do proceso constitutivo do Foro Estatal da Custodia do Territorio, no que participa a nosa asociación. Na asemblea informouse das actividades realizadas no último ano, aprobáronse as contas do periodo anterior e o orzamento para 2011 e deuse de alta aos novos socios.  No derradeiro punto da orde do día, decidiuse renovar a Xunta Directiva coa mesma composición que a actual.

Unha vez concluído os actos da mañán socios e amigos fomos comer xuntos a un restaurante situado nun lindo entorno á beira do río Ladra onde desfrutamos dun delicioso xantar e unha animada conversa.

Cancelada a intervención da FFRF nos actos de mañán

8 Abril 2011 Deixar un comentario

Lamentabelmente temos que informarvos que, por circunstancias alleas á sua vontade, Odile Rodríguez de la Fuente se viu obrigada a cancelar a súa intervención de mañán nos actos de apertura do CEN “Casa das Ínsuas”. De calquer maneira esperámosvos a todos para escoitarmos a intervención de Gema Rodríguez, de WWF/ADENA, sobre o Refuxio de Rapaces de Montejo de la Vega, e tamén para coñecerdes as novas instalacións.

Vémonos mañán, non faltedes!

Categorías:Uncategorized

O sábado vémonos en Rábade

5 Abril 2011 Deixar un comentario

Dende a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) prácenos convidarvos o vindeiro sábado 9 de abril a coñecer o novo Centro de Conservación e Estudo da Natureza “Casa das Ínsuas”, onde teremos un acto de homenaxe a Félix Rodríguez de la Fuente, coa intervención de Odile Rodriguez de la Fuente (Directora da Fundación Felix Rodriguez de la Fuente) e Gema Rodríguez Cáceres (Responsable da xestión do Refuxio de Rapaces de Montejo de la Vega, WWF/ADENA).

Cabe recordar que a creación do Refuxio de Rapaces de Montejo de la Vega de la Serezuela (Segovia) impulsado a finais do ano 1974 por Félix Rodríguez de la Fuente se considera a primeira iniciativa de custodia do territorio en España. O refuxio, dende a sua creación, ven sendo xestionado pola organización conservacionista WWF/ADENA, albergando unha das colonias máis importantes de aves necrófagas da Europa Occidental.

Ao final deste acto haberá pinchos e música a cargo do grupo local de folc de taberna “Os Estoupacaldeiros”

Así mesmo, pola mañán terá lugar a Asemblea Xeral da nosa entidade. Se estades interesados no movemento de Custodia do Territorio e queredes coñecer as nosas actividades podedes achegarvos a partir das 12:00 h. ao mesmo Centro de Estudo e Conservación da Natureza “Casa das Insuas”.

O Centro de Conservación e Estudo da Natureza “CASA DAS INSUAS” é un centro de recursos autoxestionado por e para entidades e persoas con inquedanza polo coñecemento e conservación do medio natural. Está ubicado a carón do río Miño, no edificio do concello vello de Rábade, grazas ao acordo acadado entre a AGCT e dito concello.

Podedes ver como chegar no plano adxunto.

Esperando contar coa vosa presencia enviamosvos un saudo agarimoso.

Atte:
A Xunta Directiva

Categorías:Casa das Ínsuas

Continuamos os traballos na Casa das Ínsuas

28 Marzo 2011 Deixar un comentario

Esta fin de semana seguimos a traballar na Casa das Insuas para que todo estea listo para o vindeiro dia 9. Os espazos van collendo forma e un novo aspecto, pero aínda queda moito por facer. O lixado e barnizado da carpintería exterior do piso térreo baixa déronlle un aire novo, como se apreza nas fotografías. Tamén a pintura das paredes interiores está a facer que os espazos recobren brillo. Nesta semana remataremos estas pequenas obras e comezaremos a equipar o centro co mobiliario preciso para a súa posta en funcionamento.

Categorías:Casa das Ínsuas

Primeira xornada de traballo para a preparación do Centro de Conservación e Estudo da Natureza “Casa das Ínsuas” en Rábade

21 Marzo 2011 Deixar un comentario

A AGCT ven de acordar co Concello de Rábade (Lugo) unha autorización para utilizar o edificio do concello vello co fin de pór en marcha o Centro de Conservación e Estudo da Natureza “Casa das Ínsuas”. Pretendemos crear un centro de recursos para entidades que traballan na conservación e na investigación do noso patrimonio natural. Contará cun centro de documentación, espazos de traballo, auditorio, sala de reunións, aulas para cursos e un centro de interpretación adicado ao espazo natural das Ínsuas do Miño.

A inauguración será o vindeiro 9 de abril e xa estamos traballando a reo para que todo estea listo para ese dia. E seguiremos traballando nas vindeiras fins de semana, polo que aínda estás a tempo de botar unha man.

Polo de agora, deixamos aquí algunhas fotos do traballo feito este domingo. E non só traballamos, tamén houbo tempo para compartir xantar e moita, moita conversa.

Categorías:Casa das Ínsuas
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.