Recuperación do bosque natural dos Ancares
No ano 2011 a AGCT asinou un convenio de colaboración coa Fundación Acciónatura para desenvolver de forma conxunta un proxecto de mellora do bosque autóctono na comarca dos Ancares, provincia de Lugo. Con este acordo a AGCT únese ao traballo que Acciónatura vén realizando dende o ano 2006 en prol dos bosques naturais ancaraos.
Acciónatura é unha ONG de ámbito estatal dedicada á recuperación e conservación da biodiversidade, na que aplica diversas ferramentas, entre outras, promove a creación dunha rede de espazos protexidos a través de acordos de custodia, aluguer ou compra de fincas.
O proxecto comeza no ano 2006 coa sinatura dun acordo entre Acciónatura e a Dirección Xeral de Montes, co cal, a primeira se compromete a realizar actividades de educación ambiental e traballos de mellora selvícola en montes comunais conveniados coa administración, en función da dispoñibilidade de recursos. A zona de traballo sitúase no Distrito Forestal VII: A Fonsagrada – Os Ancares, concretamente nos concellos das Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
As actividades realizadas consistiron en tarefas de educación ambiental en centros de ensino da zona, coas que se pretendeu dar a coñecer a importancia da conservación dos bosques naturais maduros e concienciar da necesidade de coidar do territorio no seu conxunto. Outras actividades levadas a cabo durante estes anos consistiron en traballos propiamente selvícolas en reboleiras e bidueirais xóvenes, fundamentalmente clareos e podas. O obxectivo é mellorar a estrutura forestal, favorecer a rexeneración natural e consolidar as masas arboradas. Ao mesmo tempo conséguese a diminución do risco de incendios, debido a que se rompe a continuidade vertical da vexetación. Tamén se estableceron plantacións con especies autóctonas en pequenas parcelas co obxectivo de conectar distintas manchas de bosque e así aumentar a súa superficie.
Durante o ano 2011, xa coa colaboración da AGCT, deuse continuidade ao proxecto. Neste ano, fixéronse tratamentos de mellora forestal en 4,2 hectáreas de bosque de reboleira, plantacións en 2 ha de superficie, nas que se utilizou unha mestura de especies autóctonas, principalmente rebola (Quercus pyrenaica), bidueiro (Betula celtiberica), faia (Fagus sylvatica), e carballo (Quercus petraea). Ademais disto, realizouse unha reposición de marras nunha plantación feita no ano 2010.
Para máis información visitar as seguintes ligazóns:
- Información no web de AccioNatura, entidade promotora do proxecto.
Máis información sobre os valores naturais dos Ancares:
- Descrición da Zona de Especial Protección dos Valores Naturais dos Ancares
- Ficha de datos do Ministerio de Medio Ambiente (pdf 292 kB)
- Rexión Ancares – Caurel en Naturagro
- Os Ancares en Turgalicia






Me parece moi boa iniciativa. Creo que necesitamos moitas mais coma esta por todo o pais, xa que tamen teñen que ter unha nova oportunidade os ecosistemas danados pola accion do home.
Moi ben, ¿cánto lle costa ó concello o pasatempos?
Ola Antonio,
Esta iniciativa non conlevou ningún custe para o concello. De feito, o financiamento deste proxecto provén dunha entidade colaboradora que obtén os fondos grazas a varias empresas que desexan colaborar neste tipo de actuacións. Estes fondos recaeron na realización deste proxecto que beneficiou a unha empresa forestal da zona e a un bo número de traballadores. Por iso, ademais de axudar na restauración do medio natural galego tamén axudamos ós traballadores dos Ancares que nestes complicados momentos están a ter dificultades.
Sen máis, agradecerche a túa lectura e interese por esta noticia que penso que beneficia a todos e, en especial, ós veciños dos Ancares.
Unha aperta,
Martiño
Moi ben
Estas iniciativas son importantes e axudan tamen a crear traballo e nada de pasatempos, pasatempos son aqueles que non fan nada e non deixan facer nada e gastan os cartos e mais autovias e aves. Un saudo.