Fin de semana falando de custodia do territorio
Tertulia en Doniños
O pasado sábado 24 de decembro a AGCT participou nunha tertulia sobre Custodia do Territorio en Doniños, (Ferrol).
Esta actividade encadrouse no programa piloto de dinamización cultural na zona rural do concello de Ferrol e tiña como obxectivo responder as inquietudes manifestadas polos veciños da parroquia de Doniños no eido da conservación e valorización do seu patrimonio natural e cultural.
O noso secretario, Óscar Rivas, expuso os conceptos teóricos da Custodia do Territorio como ferramenta participativa de conservación do patrimonio natural e cultural asociado, así como a situación actual deste movemento na nosa contorna.
Esta intervención foi seguida da participación de Rafael Beceiro, do proxecto Esmelle , quen apresentou unha aplicación práctica da custodia do territorio, expoñendo os proxectos desenvolvidos pola asociación de veciños da parroquia de Esmelle no mesmo municipio de Ferrol.
É de salientar que a participación veciñal no concello de Ferrol e nos territorios limítrofes alcanza cotas moi altas en relación ao normal no resto de Galicia. A existencia deste sustrato social converte a esta área nunha zona de interese para desenvolver actividades de custodia do territorio. Esperemos que así sexa, e que a custodia avance de forma imparable nesta comarca.
Mesa redonda na Feira Terractiva
Ao día seguinte, o domingo 18 de decembro, a AGCT estivo presente en Terractiva, a maior feira ecolóxica de Galicia, que se celebra cada ano por estas datas en Arzúa. Ademais da exposición e venda de produtos ecolóxicos, terapias alternativas e de artesanía, nesta feira realízanse talleres formativos, conferencias, música e proxección de documentais.
A Asociación Galega de Custodia do Territorio participou nesta edición nunha mesa redonda o domingo á tarde xunto con outras entidades (Fragas do Mandeo, Ridimoas, Adega e Ulla-Deza) falando, como non, da custodia do territorio en Galicia.
Como vedes a Custodia do Territorio está de actualidade na nosa terra.

