Arquivo

Arquivo para Marzo 2010

Asemblea Xeral 2010

2 Marzo 2010 1 comentario

O pasado sábado 6 de febreiro celebramos no Centro de Interpretación das Terras do Miño, en Rábade (Lugo) a Asemblea Xeral da nosa entidade. A este evento asistiron unhas trinta persoas tanto socios coma simpatizantes e mesmo membros doutras entidades que traballan na custodia do territorio na Galiza coma é o caso de ADEGA.

Previamente á asemblea tivo lugar unha palestra impartida por D. Xabier Bruña (Consellaría de Medio Rural, Delegación Provincial de Lugo) que falou sobre “A organización da propiedade do monte en Galicia. Ferramentas de xestión e posibilidades para a Custodia do Territorio”.

Na súa disertación o poñente falou das mudanzas acontecidas na explotación do monte nas últimas décadas, da súas consecuencias sociais e ecolóxicas e do novo escenario xurdido con motivo de tales cambios. Ademais falou das unidades de xestión forestal (UXFOR) e outras figuras de xestión e as oportunidades no momento actual para a custodia do territorio.

Despois dun breve descanso deu comezo a Asemblea. Roberto Hermida, o noso presidente, presentou o traballo realizado pola Xunta Directiva dende a asemblea fundacional. Este traballo consistiu na legalización da Asociación e inscrición da asociación nos rexistros correspondentes, e no establecemento de primeiros contactos con distintas entidades e propietarios co obxectivo de iniciar o primeiro proxecto da Asociación. Depois desta intervención, presentáronse as contas da entidade e a proposta de orzamento para 2010 que foron aprobados pola Asemblea e se deu lectura á relación de novos socios. Neste momento a Asociación conta con case trinta membros e esperamos chegar até os 100 socios para fin de ano. Posteriormente, deuse lectura e aprobouse o Regulamento de Réxime Interno. Tamén se aprobou a mudanza na composición da Xunta Directiva para dar entrada ao compañeiro Martiño Cabana Otero que pasa a ser vogal en sustitución de Antón Vázquez Corral que, por motivos persoais, non pode adicar o tempo preciso ao cargo.

Finalmente, a Asemblea pasou a debater a cuestión máis importante das que se trataron: o Plano de Actuacións para 2010. Presentouse unha proposta que fixa os obxectivos principais para este ano:

1- Implantación da entidade. Pretendemos atinxir o obxectivo de 100 socios a fins do presente ano. Para iso, vamos divulgar a entidade e o concepto de custodia do territorio mediante a edición de material informativo (trípticos) e a celebración de palestras divulgativas sobre a custodia do territorio en tres cidades galegas. Por outra parte queremos presentar a asociación ante as institucións (Consellarías, Obras Sociais, etc) e outras organizacións privadas.

2- Proxectos. Até o momento temos iniciado varias iniciativas de custodia que queremos desenvolver durante este ano. Estes proxectos son:

  • Soutos do Courel. En colaboración con Accionatura e Numenius, estamos iniciando o proxecto de Restauración ecolóxica do Souto de Mostaz. Esta iniciativa pretende a recuperación deste souto, situado en Folgoso do Courel (Lugo), mediante a recuperación dos labores tradicionais, a restauración dun sequeiro de castaña e a divulgación da importancia ecolóxica, económica e cultural dos soutos. O proxecto é moi interesante desde todos os puntos de vista e conta ademáis coa colaboración da Cooperativa Aldea Nova de Servizos para a Valorización do Medio Rural que será a encargada da explotación económica e dos labores necesarios para asegurar a pervivencia do souto. Para o financiamento do proxecto solicitouse unha axuda económica ao AGADER acolléndose ao programa de subvencións para proxectos dinamizadores do medio rural. Tamén en relación aos soutos de castiñeiros, estamos traballando na celebración dunha reunión multidisciplinar entre diversas entidades conservacionistas, investigadores, institucións e mesmo empresas sobre a conservación deste valioso e singular ecosistema do noso país.
  • Zonas húmidas da Terra Cha. Estamos iniciando contactos con varios propietarios de brañas nesta comarca lucense que poderían estar interesados na adopción de acordos de custodia para a xestión dos valores naturais das fincas mediante a introdución de cabalos de raza galega.
  • Proxecto Pelobates. Trátase de conservación de pequenas charcas con presenza deste pequeno sapo en grave perigo de extinción. Temos localizado varias propiedades sobre as que se podería actuar.
  • Por último, o proxecto das carballeiras na comarca do Morrazo. Este proxecto, iniciado pola asociación Drosera e polo grupo de anelamento Anduriña, consiste na adquisición de parcelas de carballeira en Ardán (Marín). Esta carballeira, a pesar de estar ubicada nunha comarca moi degradada, presenta unha riqueza biolóxica sorprendente, tanto pola súa comunidade faunística como botánica. Drosera ten identificado nestas carballeiras unha diversidade de especies de morcego comparábel aos mellores ecosistemas do Courel. Por iso, até hoxe estas dúas organizacións, compraron unha pequena parcela de bosque que esperamos sexa a primeira de moitas.

E até aquí foi o falado e debatido nesta Asemblea. Veremos o feito de hoxe nun ano.

Categorías:Uncategorized Etiquetas:
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.